artesa - vocabulario en galego por petogalego

artesa

Un caixón en madeira

Unha artesa é un caixón grande de madeira, normalmente con patas e tampa, coa forma máis estreita abaixo que na parte de arriba.


Usáse para amasar o pan. Despois tamén nela déixase levedar a masa antes da fornada.

Na miña casa hai unha artesa pequena, mercada nunha feira hai poucos anos. Pero non a usamos para o pan. Está como un moble da cociña para gardar cousas.

Atopei unha cantiga que seica era un xogo de nenos, no que se nomea á artesa:

– ¿Que hai naquel tellado?
– Un gato esfolado.
– ¿Que hai naquela artesa?
– Unha vella tesa.
– ¿Que hai naquela escaleira?
– Unha vella peideira.
– ¿Que hai naquela buratiña?
– Unha campaíña.
– ¿E como fai?
– Tin, tilintín, tin, tilintín, tin.

E tamén esta outra:

“Disme que non teño rendas
Para manter a muller;
Teño fariña na artesa,
Amasea se quer comer.”

E na miña casa teño escoitado esto cando alguén pregunta polo peso dalguén:

“Canto pesas?”

“Cen artesas, canto vales? Cen reales.”

Coñeciades algunha destas dúas cantigas? Tedes unha artesa na casa? E empregádela aínda para o pan?

Se queres apoiar ao Peto mira aquí.

16

Como lle dis ti á artesa?

Min votes count should be 1


Deixar unha resposta