Un paxaro pequeniño, o Troglodytes Troglodytes
Aquí tedes un carrizo. O Troglodytes Troglodytes.
É un paxaro pequeniño, de 9 a 10,5 cm.
Fai un niño moi xeitoso, eu vin moitos de pequena.
Está feito de herbas e musgo (ou carriza), con forma de esfera cun buraco para entrar.
Hai moitos (ou había) en Galiza. O seu chío é inconfundible!
Ao carrizo tamén se lle di carriza, tapullo na zona do Morrazo, carniza en San Martiño de Moaña e portiña no Rosal (seica ten que ver coa forma que ten a entrada do niño, coma unha portiña).
Outros nomes que atopei foron carniciña e carriciña.
Ademáis hai tamén as variedades carriso e carrisa.
Unha frase coa carriza: “Viulle o cu á carriza” no Irixo, Ourense.
Unhas cantiguiñas co carrizo:
O carrizo cando chove mete o rabo na silveira… así fai a boa moza cando non ten quen a queira
Teño un niño de carrizo na cabeza dun repolo, deron as nenas con el, levaron cañoto e todo…
Xente con xente, dicía o carrizo
Se queres apoiar ao Peto mira aquí.
